GRUPO TERRA MEIGA e A BANDA MIÚDA

 

A Sociedade Cultural do Viso presenta á AGRUPACIÓN FOLCLÓRICA TERRA MEIGA (PANDERETEIRAS, GAITEIROS e A BANDA MIÚDA), grupo de xente nova afeccionada á cultura tradicional galega e que desenvolve os seus actos e mostras de folclore tradicional por toda a provincia.

A Sociedade Cultural do Viso está conformada por mozos e mozas, nenos e nenas, mulleres e homes que aman a tradición: o noso canto, o noso baile e a nosa música. Durante todo o ano estudamos de xeito autodidacta a esencia da nosa terra, aprendemos pezas musicais e bailes e ó final, cando todo está ben macerado, ofrecemos toda a tradición do noso pobo a través das nosas interpretacións. Cada cantiga, cada peza interpretada é traballo de moitos anos, máis aínda, de séculos.

Os nosos devanceiros cantaron, bailaron e tocaron nas reunións cos seus veciños, nas festas do pobo e diante da lareira nas noites de frío inverno. Toda esa bagaxe permanece na nosa alma, no noso corazón, e nós desexamos arrincala do máis adentro para amosarlla á xente do pobo. Representamos a esa xente que nos quere, que nos apoia e ama a esencia da nosa terra. Esa xente que baila unha muiñeira na festa do pobo, que non se avergonza de cantar as cantigas que escoitaba da súa avoa cando adormecía no berce, que escoita con agarimo o son da pandeireta, tamboril e gaita na noite escura dos seráns.

Así, a escola de música da asociación amosa o seu traballo de todo o ano a través dests proxecto denominado A Banda miúda, onde os máis pequenos únense aos máis experimentados para ofrecer unha posta en escena fresca e divertida da nosa música tradicional.