SOCIEDADE CULTURAL DO VISO

- dende 1987 traballando pola cultura na parroquia -

 

O folclore, a música tradicional, a cultura galega forman parte das inquedanzas dos membros da Sociedade Cultural do Viso, pero tamén a colaboración e a unión social entre colectivos de diversa índole e persoas de diferentes xeracións. As súas actividades pretenden achegar á xente, e para iso calquera escusa lles é boa: os festivais que organizan amosando diferentes expresións culturais, a transmisión en vivo das ensinanzas que adquiren durante todo o ano en seráns, festas entre amigos como romarías populares, as viaxes coas que fan novas amizades e coñecen novos aspectos da nosa cultura, as colaboracións con outras asociacións,...

O seu desexo sempre foi avanzar neste camiño, que xa comezaron hai uns anos. Un camiño onde a colaboración e as boas intencións poidan facer que pequenos proxectos se convertan en grandes realidades. Un camiño que amosa o seu traballo alí por onde van.

Durante todo o ano ofértanse cursos de pandeireta, percusión, gaita e baile tradicional . Con carácter anual, realizan actividades musicais como son o Festa da Primavera, colabórase coa Noite da Lúa Meiga, o Serán Cativo, o Magosto Furtivo ou o Nadal Cultural .

Como se pode comprobar, a Cultural non cesa a súa actividade en todo o ano, pero a cousa non queda aí. O seu afán por traballar fai que se embarquen en proxectos diversos como o de Xornadas de Folclore nos Colexios, o Magosto Furtivo, relevante xa en toda Galicia ou na recuperación de fotos antigas da parroquia. Habitual tamén son as colaboracións con outras asociacións como o Colectivo Lúa Meiga ou a Asociación Maimiña.

En definitiva, a Cultural, con máis de 20 anos ás súas costas, é un referente na cultura e na vida social da parroquia do Viso. O seu dinamismo e bo facer fai que esta lonxeva asociación sexa apreciada pola maioría dos seus veciños e respectada polas diversas entidades que actúan nesta nosa parroquia.